- O bipartito revalida a súa maioría en Galiza
- O PP sitúase a dous escanos da maioría absoluta no mellor dos seus escenarios posibles.
- O socialista Pérez Touriño é o único candidato que supera o aprobado por parte dos electores.
PÚBLICO - Madrid - 02/02/2009 08:00
O PP quedaría, no mellor dos escenarios, a dous escanos da maioría absoluta se se celebrasen neste momento eleccións autonómicas en Galiza. Os resultados do Publiscopio constatan que o futuro da coalición que integran o PSDEG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) estaría consolidado e sitúan ao Partido Popular como opción máis votada pero algo lonxe de recuperar o poder perdido fai catro anos.
Segundo a enquisa, os socialistas inician o tramo final da precampaña cunha pinza entre 25 e 26 escanos (na actualidade teñen 25). O BNG obtería 14 deputados, un máis dos que dispón actualmente no Parlamento.
E o PP móvese nunha banda de resultados que lle asignan 35 escanos no seu peor escenario e 36 no máis optimista, o que lle sitúa nunha tendencia á baixa xa que actualmente conta con 37 dos 75 escanos que integran o Parlamento de Galiza.
Unha maioría prognostica que Touriño volverá presidir a Xunta
Os resultados do Publiscopio fixan, ademais, unha estimación de voto do 32,6% para o PSDEG-PSOE, do 19,5% ao BNG e dun 43,6% ao Partido Popular.
A suma de porcentaxes na estimación de voto ás dúas formacións que integran o bipartito arroxa unha maioría do 52,1% do electorado, un punto por baixo dos resultados das eleccións de fai catro anos. Os conservadores, pola súa banda, pasan do 44,9% dos votos logrados nas últimas eleccións autonómicas a un43,6 %.
A abstención
Un aspecto rechamante é un previsible e leve aumento da abstención no Censo de Residentes exclúese o voto exterior, que podería aproximarse ao 35% cando na anterior convocatoria foi do 31,9%.
Os nacionalistas de Anxo Quintana terían asegurado un escano máis
Os resultados da sondaxe consolidan a diferenza entre o voto conservador e o progresista a favor do segundo, que nas eleccións autonómicas do 19 de xuño de 2005 desaloxou do poder a Manuel Fraga tras converter a Galiza durante 15 anos nun feudo inexpugnable do Partido Popular.
Agora, apenas dez días antes de que se abra oficialmente da campaña electoral, a batalla polo último escano centraríase na provincia da Coruña, onde os socialistas e os conservadores dispútanse o último deputado.
Estes indicadores non son o único elemento que apontoa a comodidade do bipartito que xestiona o Goberno de Galiza. O balance de predicións e preferencias dos electores tamén debuxa un horizonte lixeiramente máis fácil para o candidato do Partido Socialista, Emilio Pérez Touriño, que para o do Partido Popular, Alberto Núñez Feijoo, ex vicepresidente primeiro do Goberno de Manuel Fraga.
Unha maioría, o 44%, considera que a xestión de Touriño é "regular"
O favorito para gañar
Así, máis da metade dos galegos prognostican que Touriño volverá presidir Galiza tras as eleccións. Ata entre os votantes conservadores prevalece a impresión de que o candidato do PSOE revalidará a súa vitoria. Son máis tamén os enquisados que prefiren a Emilio Pérez Touriño á fronte da Xunta, o 30,4% , que os que se inclinan por Núñez Feijoo, o 24,7%.
A institucionalización da figura do actual presidente da Xunta, tras catro anos no Pazo de Raxoi, parece consolidar a súa imaxe e o seu grao de coñecemento sobre o resto de candidatos.
A xestión da crise é a que logra peor nota entre os galegos
O líder dos socialistas galegos é o único que obtén un claro aprobado. Os cabezas de cartel do PP e o BNG obteñen unha nota cidadá por baixo do cinco. O candidato socialista é, ademais, a figura política máis coñecida entre os votantes. O 96% dos consultados asegura saber quen é. Séguelle o líder do BNG, Anxo Quintana, cun 92,4%. Núñez Feijoo ocupa a terceira posición en grao de coñecemento persoal, que baixa ao 87,7%.
A xestión da Xunta
En conxunto, a valoración dos electores galegos sobre o traballo realizado polo Goberno autonómico durante a última lexislatura é lixeiramente favorable á Xunta.
O 46% das persoas consultadas aproba a xestión realizada polo bipartito, fronte ao 37,7% que a desaprueba. Entre estes últimos, son unha ampla maioría os votantes do PP. A polarización de tendencias políticas fai tamén que os simpatizantes socialistas e nacionalistas aplaudan maioritariamente o labor desenvolvido pola Xunta de Galiza.
Cando os enquisados realizan un xuízo comparativo respecto ao anterior Goberno da Xunta encabezado polo PP, unha maioría significativa, o 42,2% fronte ao 26,3%, considera que é mellor o actual Executivo, liderado por Touriño, que o que presidiu Manuel Fraga.
Se a análise descende da visión global ao detalle concreto das distintas parcelas de xestión do Executivo galego, a omnipresente crise económica déixase sentir notablemente na opinión dos cidadáns. O fomento do emprego e as medidas para combater a crise son as dúas materias nas que a Xunta obtén a peor cualificación, dous suspensos sen matices, un 3,5. A política lingüística e o turismo son os aspectos nos que a Xunta consegue maior recoñecemento entre as persoas consultadas.
Xuízo ao presidente
Os galegos conceden un aprobado pola mínima a Emilio Pérez Touriño na súa calidade de presidente da Xunta. A súa actuación política á fronte do Goberno galego logra unha nota media de 5,3.
O adxectivo "regular" é, segundo os datos analizados no Publiscopio, o que mellor cualifica a valoración que os galegos fan da xestión realizada por Touriño á fronte do Executivo autonómico. O 44% das persoas consultadas decántase por esta opción. A suma dos que xulgan "boa ou moi boa" a xestión do presidente reflexa a opinión do 37,2% dos galegos. Porcentaxe que duplica con fartura ao daqueles que cren que a actuación de Touriño pode cualificase de mala "ou moi mala", o 15,2%.
Se o cualificativo que os cidadáns galegos aplican á xestión do candidato socialista é mediocre, o grao de confianza que Touriño inspira nos electores como presidente se escribe en números vermellos. Aseguran desconfiar do líder do PSOE galego máis da metade das persoas consultadas, o 57%, fronte a un 39% que deposita nel a súa confianza.
Fonte: Público
_______
- Uno -
_______________
Nenhum comentário:
Postar um comentário